Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas por novos emprendedores, así como os proxectos de investimento para a ampliación en pequenas e medianas empresas xa creadas, sempre que cumpran os requisitos para seren consideradas nova peme.

Beneficiarios potenciais:

As pequenas e medianas empresas que cumpran as seguintes condicións:
a) Composición do capital, no caso de sociedades mercantís:
1º O seu capital terá que atoparse maioritariamente participado pola suma das participacións de persoas físicas que non estean acometendo outras actividades económicas por conta propia á data de presentación da solicitude e das achegas de entidades de capital risco e investidores privados adscritos a unha rede asimilable ás coñecidas como redes de business-angels.

2º A participación no capital da empresa de persoas, físicas ou xurídicas, que si estean desenvolvendo outras actividades económicas na data de solicitude, non poderá exceder conxuntamente o 49%.
b) Antigüidade na actividade empresarial:

1º No caso dos autónomos a data de alta censual non poderá ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda e deberá ter unha dedicación plena ao proxecto, e non poderá desempeñar outra actividade por conta propia ou allea desde a alta de actividade.

2º No caso de sociedades, tanto a súa data de constitución como a súa data de alta censual non poderán ter unha antigüidade superior a 42 meses no momento da solicitude de axuda.
c) Contribución financeira exenta de axudas públicas:

Os beneficiarios deberán achegar para o proxecto de investimento unha contribución financeira exenta de calquera tipo de apoio público de polo menos un 25% do seu importe, sexa mediante recursos propios ou mediante financiamento externo.

Contía das axudas

Con carácter xeral a subvención poderá chegar ata o 20% dos investimentos subvencionables, e ata o 30% se o beneficiario é unha pequena empresa.